Monday 06 de May de 2024

Feijóo avoga por recuperar o espírito da Transición que fixo entender que no futuro do país non podía caber a palabra ‘contra’ senón outra preposición máis fermosa: ‘con’


Sostén que o maior logro da Transición é precisamente o que algúns consideran o seu maior defecto: “que se fixo contando cos todos. Con espírito de concordia, non de revancha”, asevera

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou por recuperar o espírito da Transición que fixo entender que no futuro do país non podía caber a palabra ‘contra’ senón outra preposición máis fermosa: ‘con’. “O maior logro da Transición é precisamente o que algúns consideran o seu maior defecto: que se fixo contando cos todos. Con espírito de concordia, non de revancha”, aseverou, lembrando que os dirixentes de entón souberon entender que unha terrible etapa na que media España excluíra a outra media non se podía superar facendo xusto o contrario.

Durante o acto de presentación do libro El guionista de la Transición. Torcuato Fernández – Miranda, el profesor del Rey de Juan Fernández-Miranda, Feijóo afirmou que obras como esta permiten que saibamos un pouco máis acerca dunha das figuras clave dun momento histórico, a segunda metade da década dos 70, “na que os españois nos reconciliamos para sempre”. “Permítenos, en definitiva, coñecer o momento político que lles tocou vivir e aprender como lograron que España saíse adiante nun dos cruzamentos de camiños máis complexos da nosa Historia”, abundou.

O titular da Xunta afirmou que obras como a presentada hoxe “serven para coñecer a nosa Historia, para aprender dela, reflexionar sobre ela e mirala con perspectiva”. Non en van, aseverou que se hoxe chegamos onde estamos é grazas ao esforzo, á intelixencia e á altura de miras dos protagonistas da Transición. “Non caiamos hoxe na tentación de desandar o seu camiño cara a democracia constitucional: mellor sigamos avanzando por el”, concluíu.